Unha viaxe turbulenta
Estaría mentindo se che dixera que estou aquí só pola ciencia. Son Espe Broullón e estou na campaña IMAGE pola ciencia, a boa comida e a xente.

Son unha oceanógrafa física, con base en Southampton, no Reino Unido. Coa miña investigación estudo como a mestura afecta á distribución de calor, salinidade e nutrientes nos océanos. Para entender como se distribúen estas propiedades, estudamos a turbulencia: movementos caóticos e rotatorios dos fluídos que, nos océanos, teñen lugar ao longo dun amplo rango de escalas, desde as grandes correntes planetarias ata as escalas máis pequenas que podemos medir.
Aquí no Ártico, a auga doce de rios, do xeo e da chuvia, que entra no océano pola capa máis superficial, interactúa coas augas máis salgadas e quentes que veñen do océano Atlántico. A turbulencia e a mestura, teñen un papel importante no intercambio de propiedades entre estes dous corpos de auga, do mesmo xeito que unha culler mestura o azucre no café. Esta interacción fai que o Ártico sexa unha rexión importante para a circulación oceánica e, por tanto, para o clima global.
Para medir canto de turbulentas son as augas oceánicas, utilizamos un VMP (polas siglas en inglés de perfilador vertical de turbulencia), que permite detectar as pequenas variacións nas propiedades do océano: unha sinatura da turbulencia das augas.

Outro xeito de estudar a turbulencia é despregando boias autónomas equipadas con sensores similares aos do VMP. A diferencia de nós, estas boias pódense quedar traballando despois de que o barco marche deste lugar. Isto é particularmente útil para entender como cambia o océano ao longo do ano, incluíndo períodos de tormentas nos que é difícil (ou imposible!) para nós quedar navegando estes mares.
As boias viaxan ao océano profundo (uns 2000 m) e volven á superficie todos os días, derivando coas grandes correntes oceánicas. Cada vez que están na superficie, mándannos datos a través de satélite. Isto significa que, incluso desde a casa, podemos ter un ollo posto no que está pasando no océano.
Onte, botamos unha destas boias. Antes de enviala, toda a xente a bordo escribiu mensaxes no flotador da boia, desexándolle boa sorte na súa viaxe. Durante a botadura, estiven rodeada de tripulación e científicos. Nunca me sentira tan arroupada nunha manobra!
Aínda que xa pronto marcharemos deste sitio, a boia quedará aquí, observando o Ártico por nós, moito despois de que o barco xa non estea. Nós seguiremos en contacto con ela desde a casa, recibindo mensaxes de augas polares e esperando aprender cousas novas co que nos envíe.
Creo que estou aquí pola ciencia, a boa comida a bordo e a xente, pero tamén estou aquí para deixar un novo membro do equipo: unha pequena boia nalgún lugar do océano Ártico, levando as nosas mensaxes con ela na súa viaxe.





The focus on biological oceanography in a changing ocean is especially timely—I'd love to learn more about Esperanza Broullón’s current research. I've been using https://lumalabs.pro