top of page

Cousas de aquí e da acola

Xosé Antón Álvarez Salgado
Aug 16
3 min read

Para min, a campaña oceanográfica IMAGE está cargada de sucesos memorables.

Esta vai ser, probablemente, a miña última grande campaña oceánica. Xa queda lonxe a Galicia X, aquel tórrido verán de 1989, na ría de Arousa (Galicia). Despois de case 40 anos dedicado á Oceanografía, con 25 campañas ás costas, e de pasar case 2 anos de vida a bordo dun barco, a última fronteira era navegar os mares nórdicos ata as portas do océano Ártico, ingresar na “Orde do Nariz Azul” e tocar o lendario estreito de Fram. IMAGE estáme brindando a oportunidade de alcanzar esa meta.

Con Javier Arístegui, colega e amigo por máis de 30 anos, estudamos como os procesos oceanográficos modulan a bomba biolóxica de carbono, un dos responsables do almacenamento de carbono antropoxénico no océano. Este obxectivo levounos a estudar os filamentos do afloramento de Galicia, Marrocos e Cabo Verde, a oligotrofia extrema do mar Mediterráneo, o corredor de remuíños de Canarias, ou o océano Atlántico desde Namibia ata Canarias. Concibimos o proxecto IMAGE para experimentar a crueza e a grandeza dos mares nórdicos. A pregunta científica tiñámola clara: como afecta o desxeo á dinámica a pequena escala (1–10 km) no mar de Groenlandia e cal é o seu efecto sobre la bomba biolóxica de carbono.

Foto: Manel Soria e Javier Arístegui
Foto: Manel Soria e Javier Arístegui

Nesta campaña estreamos o B/O Odón de Buen, nova xoia da coroa da oceanografía española. Teño que confesar que subín a bordo con certa preocupación ao non coñecer o barco, pero atopeime cunha tripulación moi profesional, sempre disposta a axudar, facendo que o noso traballo resulte moi doado. Un elemento esencial para que a vida a bordo sexa agradable é a cociña, e a do B/O Odón de Buen produce pratos saborosos, variados e moi abundantes. O persoal da Unidade de Tecnoloxía Mariña (UTM) do CSIC está a facer unha contribución esencial ao desenvolvemento da campaña, axudando en todas as manobras e mantendo os equipos listos para somerxelos na auga. E que dicir dos científicos a bordo, unha amálgama de 27 persoas que cobren un amplo rango de idades, formacións académicas dispares e múltiples orixes: a maior representación corresponde á Universidade das Palmas de Gran Canaria, a través dos grupos de Oceanografía Biolóxica e Oceanografía Física; o CSIC, representado polo Instituto de Investigacións Mariñas, o Instituto Andaluz de Ciencias da Terra, o Instituto de Ciencias do Mar e os centros oceanográficos da Coruña e Málaga do IEO; a Universidade de Lisboa (Portugal); a Universidade Técnica de Dinamarca (DTU); o Alfred Wegener Institute (Alemaña); o GEOMAR (Alemaña); e a Shanghai Ocean University (China). Participan moitos colegas cos que compartín moitas horas no mar e outros cos que coincido por primeira vez. A bordo pode escoitarse falar en castelán, galego, catalán, éuscaro, alemán e finlandés... pero, sobre todo, inglés, a lingua franca que todos falamos no barco.

Foto: Javier Arístegui
Foto: Javier Arístegui

O Odón de Buen ten capacidades técnicas indubidables e unha habitabilidade excelente, pero os laboratorios son pequenos e con facilidades limitadas para o número de científicos que pode admitir a bordo. Parece que no deseño se primou o confort, que é importante, sobre os espazos de traballo, que son tamén importantes. Esta campaña estándonos servindo para comprobar de primeira man que unha distribución máis eficiente do espazo tería evitado a necesidade de usar contedores laboratorio en cuberta, cando menos en condicións polares.

Foto: Javier Arístegui
Foto: Javier Arístegui

A campaña IMAGE tamén nos brindou a posibilidade de avistar icebergs e a fauna da zona, incluíndo fulmares, cachalotes, baleas minke... pero sobre todo permitiunos observar un feito único nunha contorna excepcional: o eclipse solar total do 12 de agosto desde os 71º N, a bordo do B/O Odón de Buen. O máximo do eclipse foi ás 17:35 GMT e durou pouco máis de 2 minutos. Aínda que estaba nubrado, iso non impediu gozar desa grandiosa experiencia visual.

 
 
 

Comments


Commenting on this post isn't available anymore. Contact the site owner for more info.
Logo BOC (1).png

Biological Oceanography

in a Changing Ocean

  • LinkedIn
  • X
  • bluesky-icon-white-logo-bluesky-app-editable-transparent-background-premium-social-media-d
  • Instagram

© 2026. Biological Oceanography in a Changing Ocean. IOCAG. ULPGC. All Rights Reserved.

bottom of page